10 feb 2010

Preparados, listos....¡XA CHEGA O ENTROIDO!



O ENTROIDO é unha festa popular na que se celebra a fin do inverno e o comezo da primavera.

No ENTROIDO xúntanse rituais cristiáns e paganos, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións: igrexa, goberno... É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego.

Os entroidos máis famosos do país son, sen dúbida, os ourensáns. Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días nas capitais de Galicia. Os peliqueiros e cigarróns centran a atención dos visitantes. Crese que a súa orixe está nos antigos cobradores de tributos dos condes de Monterrei, que posuían unha zamarra coa que castigaban aos morosos que non pagasen a tempo. Aínda que hai tamén quen opina que estes personaxes proveñen de asociacións segredas primitivas ou de ritos sagrados e incluso de vellas cerimonias tribais.

Outros protagonistas do Entroido son os "xenerais" en Boqueixón, Vedra, A Estrada, Vila de Cruces e Silleda; as Pantallas que dende o domingo Corredoiro ata o día 1 de marzo percorren Xinzo de Limia, os boteiros e "foliós" en Viana do Bolo, as máscaras traballadas dos Volantes en Chantada , ademais dos xa coñecidos Cigarróns de Laza e Verín son algúns dos sinais desta festa que se pechará o mércores de cinza coa queima do Momo e o Meco, o enterro do Ravachol en Pontevedra, ou o enterro da sardiña noutras localidades.

Tempo para a diversión e para o bo xantar... porque outra compoñente -importantísima do Entroido galego é a gastronomía: o lacón con grelos como prato forte, acompañado de doces como as orellas ou as filloas son as comidas típicas destas festas.